Nun comunicado, o colectivo profesional tamén se solidariza coa maxistrada Ana-López Suevos.
A Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela aprobou o pasado martes un comunicado a prol da normalización da nosa lingua que agora se fai público. Ofrecémoslle o acordo íntegro:
“En relación coa polémica suscitada nas últimas semanas polo uso do galego nos tribunais de xustiza e facendo propias as declaracións emitidas no seu día polo conxunto da avogacía compostelá, esta Xunta de Goberno quere recordar que:
Avogamos polo dereito a usar a lingua propia de Galicia na vida pública e privada.
Avogamos por unir esforzos con todos os operadores xurídicos que actúan no ámbito da xustiza co fin de acadar a normalización efectiva da nosa lingua.
Avogamos por eliminar todos os obstáculos que impiden o uso libre do galego no exercicio profesional e rexeitamos expresa e rotundamente toda actividade ou actitude que trate de utilizar este dereito como arma xurídica.
Avogamos por contribuír ao prestixio e ao enriquecemento do galego xurídico asumindo de noso este reto.
Así mesmo, ofrecemos o noso apoio e solidariedade a todos aqueles operadores xurídicos que vexan menoscabados os anteriores propósitos. Neste senso, consideramos especialmente correcta a actuación da maxistrada D.ª Ana López-Suevos Fraguela e solicitamos unha condena rotunda contra todos aqueles que pretendan alterar os obxectivos enunciados.”
Alegrome de ver novas coma estas por unha parte, pois parece que o povo desperta, pero dame lastima que a día de oxe ainda se teña que facer isto..
Moita sorte, e esperemos que os xuices algun dia deixen de facer "JUSTICIA", para porse a facer o "XUSTO", pois estas palabras moitas veces (e sen non en todos os casos) non coinciden.