O Goberno non remitiu o texto da modificación ao Parlamento, polo que queda adiada a redución do prazo de tres días para recontar o voto exterior.
Touriño, este xoves
O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, explicou este xoves que agarda aprobar no próximo Consello da Xunta o proxecto de reforma da Lei Electoral, que finalmente non se abordou na xuntanza desta semana porque "hai que ter un tempo imprescindíbel" para redactar os cambios "como é debido: sen equívocos nin ambigüidades".
Na conferencia de prensa posterior ao Consello, Touriño recordou que foi o Parlamento quen lle pediu á Xunta que modificase a Lei Electoral de Galiza para reducir o prazo para o reconto de votos procedentes da diáspora, no marco das recomendacións do ditame da comisión de investigación sobre a suposta axente electoral.
O xefe do Executivo manifestou a vontade do Goberno de atender esa indicación e modificar a lei para recuperar o prazo de tres días como máximo para o reconto do voto emigrante. Esta será tramitada polo procedemento de lectura única no Parlamento. O anterior Goberno reformara a lexislación en 2004 para ampliar o prazo de escrutinio do voto CERA, e con esta nova revisión adoptaranse os tempos estipulados pola Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.
Aprobación adiada tamén no Parlamento
Precisamente, o primeiro punto da Xunta de Portavoces, que tivo lugar este xoves no Pazo do Hórreo, recollía a "audiencia sobre a proposta de tramitación en lectura única" do proxecto de lei, mais segundo denunciou o voceiro parlamentario dos populares, Manuel Ruíz Rivas, a reunión "comezou polo punto dous" sen "dar explicacións", nun intento "de tomar o pelo ao PPdeG".
Segundo recoñeceu o portavoz parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, o Goberno "non remitiu" o texto de modificación da Lei Electoral de Galicia, pero asegurou que "o fará nos próximos días" para que poida ser tramitado no Parlamento "en tempo e prazo", en referencia ás próximas eleccións lexislativas.
É normal que pidan tempo:
-Tempo para manipular eles o que outrora manipulou o PP
-Tempo pra sacar rédito de miles de votos, dos que o PP tamén se serviu
-Tempo para que os de alá decidan cada día máis o que nos afecta aos de acó
-Tempo para manter un réxime electoral semellante ao de algúns países africanos (con todos os meus respetos) e peor que o de algún réxime non-democrático
-Tempo para ser unha vergoña internacional
-Tempo para que sigan votando os mortos
-Tempo para que a señora Soneira encontre traballo
-Tempo para "pucherazos"
Señor Touriño tempo é o que tiveron, agora é tempo de democracia, pero da de verdade, se pode ser claro
En realidade pide tempo para que o voto beneficie ao PSOE, non hai máis