O plano de magnicidio e golpe de Estado en Venezuela foi desactivado na súa primeira fase coa detección de militares vinculados ao feito, asegurou o ministro de Interior e Xustiza, Tareck El Aissami, quen indicou que "aspiramos a que nas próximas horas existan pronunciamentos determinantes sobre o caso".
Porén, o ministro non descartou que aventureiros realicen un novo intento diante da desesperación polas previsións das eleccións rexionais do 23 de novembro próximo, que apuntan a un triunfo dos partidarios do presidente Hugo Chávez.
En entrevista co xornalista e ex vicepresidente do país, José Vicente Rangel, o ministro subliñou que non ten elementos para dicir que o plano está completamente desactivado, pero si que truncaron a posibilidade dun sector opositor de lograr o obxectivo. "Hai oficiais activos e retirados que están á orde da xustiza militar sinalados por estes feitos. Sabemos que aínda hai certos sectores que tratan de agochar -por razóns obvias- que son cómplices do plano", apuntou El Aissami.
O ministro, quen denunciou intentos de desacreditar a denuncia presentada a principios de setembro, informou que se comprobou a existencia dun feixe de militares en situación de retiro e activos que tiñan un plano perfeitamente concibido.
"Estaban na fase de preparación loxística. Existían grupos que estaban sendo preparados para a fase final do plano, para a súa execución. Todas estas informacións viñeron cobrando forza", explicou.
El Aissami expuxo que se detectou a existencia dun plano continuo que algúns definiron como Octubre rojo para xerar desde distintos ámbitos feitos que lograsen xerar conmoción nacional. Ao mesmo tempo non descartou que persistan “algúns elementos da oposición ofuscados, embargados pola xenreira, debido á desesperación, que pretendan polos próximos comicios, tratar de aventurarse por algún atallo".
Alertamos –dixo- sobre un plano que tiña un propósito final: asasinar ao presidente Hugo Chávez, e para iso viñemos desenmascarando os actores e desactivando distintos eventos. Precisou que cando se tiveron elementos convincentes sobre a actuación do plano para asasinar a Chávez todos os organismos policiais foron despregados sobre eventos en cadea que respondían ao mesmo interese de desestabilización.
O plano de golpe de estado e magnicidio foi feito público mediante a difusió dunha conversa entre militares complotados, que levou á detención de máis dunha dúcia de persoas e a ocupación de armas.