Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Raquel, unha xudía en Palestina

17:26 26/10/2007

Cada ano, o día 11 do mes xudeu de Hexván -23 de outubro nesta ocasión-, celébrase o cabodano da morte de Raquel, matriarca do pobo xudeu. Unha vez máis, milleiros de fieis peregrinaron ata a súa tumba, convertendo Belén, unha pequena cidade dentro da Autoridade Palestina, nun gran territorio xudeu rodeado de soldados israelís.

Raquel -en hebreo Rahel, que significa ovella, quizais connotando inocencia- é a segunda esposa de Xacob, e nai de Xosé e Benxamín. Malia non poder ter fillos durante moitos anos, nunca perdeu a fe e a esperanza en que Deus lle dese descendencia. Por iso, considerada unha das nais fundadoras do xudaísmo, a súa tumba é un dos lugares máis visitados para transmitir pregarias a Deus –é o terceiro lugar en importancia para o xudaísmo. Sobre todo mulleres estériles, pero tamén outras persoas, acoden ao lugar onde está enterrada a nai Raquel na procura de beizóns.

Cando Xacob enterrou a Raquel, fíxoo na estrada que unía Belén con Efrat –hoxe en territorio palestino, aínda que Efrat é un dos asentamentos máis grandes que existen en Cisxordania. O crecemento de Belén provocou que a tumba quedase no medio da cidade, onde se construíu un cemiterio musulmán que rodeou o lugar. Durante o mandato xordano (1948-1967) os xudeus tiveron prohibida a entrada, ata “A Guerra dos Seis Días” (1967). Anos despois, Rabin, que non sabía da importancia da tumba para os relixiosos xudeus, decidiu entregar o control do lugar aos palestinos, como parte dos acordos de Oslo (1993). Isto provocou a ira dun exaltado relixioso que o asasinou, precisamente o mesmo día en que morrera Raquel moito tempo antes.

Hoxe en día, a tumba de Raquel non é máis que unha rocha con once pedras enriba -unha por cada un dos once fillos que tiña Xacob cando Raquel morreu dando a luz. Un edificio e dúas torres pequenas recobren o sitio, ao que se pode acceder só entrando por Israel. Un muro parapeta a estrada que vai dende as comportas da entrada fronteiriza entre Belén e Xerusalén. Unha estrada e unha tumba á que non teñen acceso os belenitas, que nin sequera poden achegarse á muralla.

Os palestinos non poden aproximarse á tumba de Raquel e, ademais, durante os días previos á celebración do cabodano da súa morte, a saída e entrada de Belén é imposible. Centos de militares custodian a entrada, para así protexer aos milleiros de relixiosos que chegan en peregrinación ao lugar santo. Esta custodia impide que calquera que non sexa da fe do pobo elixido entre ou saia de Belén. Con todo, varios belenitas lograron saír do lugar, escoltados por militares israelís, durante unha nova incursión militar no centro da cidade. Outros non puideron entrar, coma un ancián que, tras recibir a alta médica nun hospital de Xerusalén, volvía á súa casa. Ao home, silenciado polo amoreamento de xentes que intentaban entrar na súa cidade, prohibíuselle a entrada. É máis, un dos soldados que lle berraba que liscase de alí, serviuse a acompañalo ata as barreiras de seguridade con pequenas patadas que só respondían ao intento do señor de ir durmir cos seus.

Raquel, que chorou polos seus fillos, e pola fin do sufrimento e exilio dos seus, segue a contemplar, hoxe en día, outro sufrimento e exilio. Moitos séculos despois da súa morte, repítense as persecucións e os maltratos que continuarán facendo que se derramen bágoas.

4,29/5 (14 votos)


Comentarios (8)

Brais #1 26/Outubro/2007 Brais
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Para cando o mundo será consciente do drama palestino? Grazas Moncho por ternos informados

surenho #2 27/Outubro/2007 surenho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E aínda haberá algún que dirá que esas cousas son "erros" de Israel, pero que non esquezamos que Israel é unha democracia e en troques os palestinos non e os que non son corruptos son fundamentalistas, e patatín e patatán,...Manda car...

Barcelos #3 27/Outubro/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tomar partido entre xudeus e palestinos é moi perigoso. Demasiadas mortes de inocentes en ambos os bandos por culpa dos fanatismos.

Ghaviotero #4 28/Outubro/2007 Ghaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu estou co que di Barcelos... certo é que os palestinos están sen estado, pero a verdade é que nin tan sequera póñense de acordo entre eles para crealo, certo é que os xudeus ás veces pásanse, pero non é doado vivir sabendo que en calquera intre poden poñer unha bomba diante da túa casa.

surenho #5 29/Outubro/2007 surenho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non, si xa tardaba, xa, resulta que os palestinos non teñen estado porque non se poñen de acordo entre eles, vaia, vaia e eu sen decatarme, e ademais o que fan os "xudeos"(sic)(supoño que se referirá a Israel ou aos israelís) é que as veces "se pasan". Ademais resulta que tomar partido é perigoso, claro, claro, é que resulta que o conflito de oriente próximo é por que hai moito fanatismo. Profundo análise oiga!
No único en que coincido é en que as mortes son inocentes, e seguro tamén que non querían morrer.

Roquinho #6 30/Outubro/2007 Roquinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Cando entras na casa doutro e intentas botalo fora e quitarlle o que ten, as veces os donos da casa resistense e loitan por recuperalos seus bens.
Os xudeus son os que entraron en Palestina, e grazas as potencias estranxeiras dispoñen de estado propio mentres que os palestinos na súa propia terra ainda non dispoñen del.
Evidentemente cando roubas algo pola forza das armas telo que defender do mesmo xeito.
Xustifica-la ocupazon xudea de Palestina so é posible grazas o poder económico dos xudeos no exilio principalmente nos EEUU.

Barcelos #7 30/Outubro/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pero se hai que tomar partido por alguén, tómoo polos palestinos.

Que Israel sexa unha democracia non é garantía de nada. A Alemaña nazi tamén naceu nunha democracia e os invasores de EE.UU de Bush tamén son unha democracia.

E falando de fanatismos, é bastante peor o fanatismo israelí que o fanatismo árabe, aínda que non o pareza.

Pily #8 14/Novembro/2007 Pily
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Grazas Moncho é una buena oportunidad para aprender tantito gallego y saber algo más de los palestinos

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Moncho Iglesias

Moncho Iglesias

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí.





Locais:
GZ-Sete