Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


O primo de Rajoy e mailo meu cuñado cambote

09:15 08/01/2008

Don Mariano Rajoy e mais eu somos xente de ben e como tais interiorizamos axiña as consignas do que se leva en cada tempo. E agora toca a sinfonía ecoloxista e, claro está, aí nos tes a nolos dous. E diría mais, sospeito que a don Mariano sáelle o ecoloxismo de xeito natural, xa que ten pinta de non dar matado unha mosca nin con spray, xa non digamos dunha puñada. O que ocorre é que ámbolos dous temos familia e sempre vai haber algún membro que nos deixe quedar mal. No caso de don Mariano trátase dun primo que non cre no quecemento global de Al Gore, e no meu, dun cuñado cambote que bota pestes contra o repoboamento do porco bravo.

Meu cuñado é un labrego do Arnego Medio. Ten a cabeza grande e o pescozo xunta cos ombreiros sen solución de continuidade, pero polo demais é coma calquera de nós. Dende hai uns anos ten un problema co que xa non contaba: o porco bravo estrágalle as colleitas de millo e fózalle os mellores prados. A meu cuñado férvelle o sangue cando pensa que o animal foi botado no monte polos poderes públicos porque estaba en perigo de extinción, e que moito coidadiño co que se fai con el. E para rematala, todos os anos venlle denegada a solicitude de compensación por danos ocasionados polo bicho e sempre co mesmo argumento: non consta que nesa zona se teñan botado porcos bravos. A explicación aínda o acende mais: ¿Pero de que van estas monas? ¿E que pensan que un porco bravo é un carballo que plantas nun sitio e segue alí no mesmo sitio pola vida eterna?

Sempre que nos vemos, meu cuñado sácame o tema do porco e faime preguntas. Que a que ven a repoboación do porco, que a quen ou a que beneficia que siga existindo a mala besta, que si esto, que si o de mais alá. Eu dígolle que a natureza toda, dende un croio ata o mesmo porco ten un valor intrínseco que non debe ser profanado baixo ningunha escusa, que o home é de natural malo e, polo tanto, os poderes públicos deben protexer á natureza fronte as posibles actuacións daquel. Meu cuñado, seguramente educado no principio bíblico de “dominarás a terra”, agranda os ollos para mirarme coma se un dos dous estivera tolo. Despois, xa sen mirarme, dálle unha patada ó ar e roña: “¡Ecoloxistas do carallo! Quería velos eu correndo diante dos chavellos do porco bravo...ían saber o valor intrínseco ese do carallo.”

O que meu cuñado non sabe -e eu non llo penso dicir- é que para un ecoloxista de primeira liña posiblemente teña mais valor o porco bravo ca el, e que se algún día os atopan pelexando nalgunha congostra estreita, que se encomende meu cuñado a San Francisco de Asís, porque el é presuntamente culpable e vai ter que demostrar que foi o bicho quen comezou a refrega.

4,59/5 (44 votos)


Comentarios (8)

Brais #1 8/Xaneiro/2008 Brais
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Señor Sucasas, o seu artigo é soberbio. A retranca e a chispa son un pracer.

condedelrio #2 8/Xaneiro/2008 condedelrio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Coincido con Brais, e levo un anaco dándolle voltas a se vostede está co cuñado ou co porco.

kkruxo #3 8/Xaneiro/2008 kkruxo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O caso é que o artigo non aclara. Os porcos bravos, botáronos os ecoloxistas, os 'poderes públicos' ou a Al Gore? Polo demáis, cachondo.

Carl #4 8/Xaneiro/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

gostei unha vez máis do artigo. A pesares diso e da tua teima coas homenaxes aos politicos morcos e as placas, seguiras perdendo en Cadrón. Ja, ja.

un saudo teimudo

aconjuradosnescios #5 9/Xaneiro/2008 aconjuradosnescios
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Coincido com o Brais: a retranca é prazerosa (para quem a entendende), e o tema, ademais, dá para empregá-la. Depois de todo, fora do debate porco-cunhado, eu gosto da contraposiçom cunhado de Sucasas vs. cunhado de Rajoy. Nem que dizer tem que lhe dou muita mais credibilidade ao de Sucasas. E nom porque renegue da ciência ou da ecologia, senom porque acho que aqueles que nom sabem ler debiam abster-se de comentar leituras. Graças polo artigo.

salvora #6 9/Xaneiro/2008 salvora
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Este home é do peor. Penso que ten que deixar de almorzar sopas de cabalo cansado e troitas do Arnego. Como unha persoa así pode estar no BNG?

ecoe #7 9/Xaneiro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E dalle contra os cambotes: imos ter que protexelos!

Aldara #8 10/Xaneiro/2008 Aldara
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"Ten a cabeza grande e o pescozo xunta cos ombreiros sen solución de continuidade". Señor Sucasas, vostede é simplemente xenial. Unha aperta.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete