Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Resulta que existe España

10:02 14/01/2008

A inesperada morte de Xosé Cuíña foi a maior perda da dereita nacional, esa que case nunca existiu, desde a defenestración -logo hai vinte anos- de Xosé Luís Barreiro ou a liquidación do proxecto Franqueira.

Éche atávica a insistencia no carácter escuro e caciquil dos políticos conservadores galegos, como se iso fose acervo de Galicia e a dereita vasca (PNV) ou a catalá (CiU) -non digamos a española- se enriquecesen no poder para o ben común; como se a escuridade só atinxise á dereita nominal e non existisen Felipe González nin a rede clientelar no sur de España. Aquí, aquí ao ladiño, agás a ACE, andan os partidos do goberno de Cangas claudicando ante a podremia urbanística. A xente ten memoria e non dubidamos que lla refrescará o Foro Social. Iremos vendo.

A Cuíña e ao que el puido representar axudaron a lapidalo no plano simbólico os directores da orquestra madrileña cando consignaron a fábula das boinas incultas, caciquís e atrasadas fronte aos birretes universitarios, modernos e integradores. E despois vese, sobre a parede da dereita -sombra estilo Nosferatu- a man ensanguentada de Manuel Fraga Iribarne. (No muro da esquerda distínguese a de Francisco Vázquez, que o “E” do PSOE leva tamén sementado uns cantos cadáveres políticos: González Amadiós, Ceferino Díaz, Miguel Barros. Puido ser Beiras a primeira vítima, pero andou solerte). Non é tarefa que saia gratis a fundación e mantemento dalgunha área de soberanía -sexa cultural, económica ou política- fóra da pouta española.

Alén de moitas contas que non cómpre botar hoxe, Xosé Cuíña sucumbiu na area do circo cando parecía reclamar espazo para a burguesía nacional. Os compañeiros, advertía Churchill, son feras abondo máis letais ca os adversarios. Alí estaban, no enterro, os mesmos responsables do PP que filtraron a sentenza para que a executasen os tribunais de xustiza. Tocaba falar de que Cuíña era corrupto (non Vázquez, nin Aznar, nin Borbón) e as plumas mercenarias funcionaron coma a Sinfónica. O PP non quería outro Barreiro Rivas, nin outra Unión do Pobo Navarro, nin aínda menos outro Vitorino Núñez dando sustos á soñada maioría absoluta no Congreso.

Toque de corneta

Tanto ten nobreza celosa do privilexio ou burguesía intermediaria; a Historia lémbranos que en canto a rede de intereses económicos chamada España dá un toque de corneta, as sucursais deben poñerse firmes. A elite colonial goza representando a fantasía de que o poder obtido grazas aos privilexios da submisión beneficia a todo o seu pobo. O PSOE galego e o PP galego son mentira. Son un logotipo imprescindible para obter votos neste país. Xa veredes como un día, se somos boíños, nos mercan un tren igual ca os Reis Magos na Praza tomada de María Pita, Prestige, xaneiro, 2003.

E de porparte habemos comprobar nalgunha das próximas eleccións se hai tal dereita galega –xa a inventaran Filgueira e Risco: acabaron onda Franco, claro- ou todo era un soufflé de ameazas para garantir sillón. Por se acaso Mariano Raxoi escolleu sacrificar a Xunta antes que entregala a quen se despediu hai uns días cuberto coa bandeira galega.

Andamos nas antípodas do falecido político laninense, pero son compañeiro de asinatura, aquí en Vieiros, de Rafael Cuíña, con quen nunca falei. Quero transmitirlle o pesar pola morte de seu pai.

4,79/5 (52 votos)


Comentarios (19)

condedelrio #1 14/Xaneiro/2008 condedelrio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tamén eu ando nas mesmas antípodas e, o mesmo ca ti, quero transmitirlle ó señor Rafael Cuíña o pesar pola morte de seu pai.
Bo artigo, Xabier.

Carl #2 14/Xaneiro/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Grazas Cordal. Polo que leo da túa brilante pluma habitualmente, ti e máis eu non estamos nas antípodas. Xa o falaremos diante dun café. A túa analise, con matices, penso que é bastante axeitada.

Un saudo e moitas grazas

Rafa Cuiña

fervenza #3 14/Xaneiro/2008 fervenza
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ou sexa que Cuiña pai enchufou a Cuiña-fillo en Vieiros, se estes do PP son os que mellor se enchufan uns ós outros...

Carl #4 14/Xaneiro/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

fervenza: vexo que nos "pillaste". Quedouche Cuiña-espiritu santo por citar, somos 3 e un só Deus verdadeiro. En fin...

moutras #5 14/Xaneiro/2008 moutras
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Moi bo xabier. prefiría mil cuíñas que unha ducia de fijoses e rojoises

Gaviotero #6 14/Xaneiro/2008 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Lo de que el PSOE gallego y el PP gallego son mentira es una afirmación propia de un nacionalista totalitario que únicamente querría espacio político para su propia ideología.

Negar la realidad es de psiquiatra.

edreira #7 14/Xaneiro/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Moi bo artigo e o mesmo ca ti transmitolle o meu pesar pola morte de seu pai a Rafa.

Maeloc-do-Rouco #8 14/Xaneiro/2008 Maeloc-do-Rouco
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

gaviotero: A ti tinha-che que escoitar o Freire Bartolome de las Casas (tameme conhecido por Casaus)...O teu discurso baleiro e preguiceiro, alheio ao debate natural entre ideias opostas, inzado de pre-conceitos e intelectualmente BRUTALHAM lembrarialhe ao exaltad@s que chegaram a America a matar, matar e destruir e assasinar no nome de Deus, de El-Rei etc etc...Se les a peza do Cordal e es quem de entender o simbolismo do seu discurso, este tem umha logica intrinseca (coa que obviamente se pode estar em desacordo, mais tecendo um discurso educado, logico e inteligibel)...Com voce tudo e que si fascismo, que si totalitarismo, que si imposizom, que si conspirazom, que si isto que si o outro...Semelha um discurso rancio, proprio de conceizons e praticas sociais e politicas repetidamente espetadas sem oposizom posibel entre 1936-1975...o radicalismo e a exaltazom tipicas do espanholismo rancio e intolerante que semelha que moitos nom dades superado..E e que forom (e seguem a ser) moitos anos nos que o debate consistia nas vossas unicas voces e nos vossos sonoros e unicos auto-aplausos

BonKarallan #9 14/Xaneiro/2008 BonKarallan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois eu como son psiquiatra nego a realidade. Gaviotero non existe. España? para min tampouco.

Xistral #10 15/Xaneiro/2008 Xistral
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gaviotero o PP e o PSOE galego son unha mentira porque din ser o que non son.
Sabes aquelo de que a verdade é a coincidencia entre pensamento e realidade? Pois está claro que quen ten que ir ao psiquiatra son os militantes deses partidos porque din que son unha cousa e compórtanse doutra diferente. É unha epecie de esquizofrenia...
Non terían que ir ao psiquiatra se de verdade dixeran o que pensan sobre este país e o que queren facer con el. Pero claro: perderían moitos, moitos votos, moitísimos..., que irían parar a onde máis lles doe. E ti tamén o sabes Gaviotero, tipos coma ti que din o que pensan (polo menos aquí) non os hai no PP/PSOE (por iso dos votos e a poltrona sabes...)
Con respecto a Xosé Cuiña para min morreu coa dignidade de defender as súas ideas (aínda que eu non estea de acordo con moitas delas, que con outras sí) e os que o apuñalaron (Feijoo e compañía) son uns hipócritas que botan uns lagrimóns mentireiros por el. Eu se fose da familia de Xosé Cuiña vomitaría de rabia ao velos por alí. Seguro que en moitos casos foi así.

luisfoz #11 15/Xaneiro/2008 luisfoz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gostei do teu artigo, Cordal, concordo em linhas gerais com o que dis ainda que se poderia matizar algo: Entre os cadáveres do PSOE (G) esqueces um, e dos mais importantes, X.L. Rodríguez Pardo e inclues Ceferino a quem nom parece lhe vaia tam mal como deputado. O da direita galeg(uist)a está bem mas também há algum pormenor: Xosé Sesto ou Manuel Beiras pouco tenhem a ver (em comportamento político) com Filgueira ou Risco. Por suposto que num artigo de opiniom, como o teu, tampouco é o sítio mais adequado para introduzir pormenores como os que citei.
Próspero 2.008 e umha aperta.

Aldara #12 15/Xaneiro/2008 Aldara
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Palabras precisas para describir verdades coma puños. Grazas por un outro artigo, coma sempre, dos que fan pensar.

esehome #13 17/Xaneiro/2008 esehome
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

En xeral o artigo de Cordal é atinado. Agora ben, debe lembrar que o responsable de urbanismo de Cangas é o líder da FPG e ACE, Mariano Abalo. Segundo os acordos do grupo de goberno o responsable único da área. Cordal, dá un paseo por Cangas, que non cho conten. Saudiña

RiQee #14 17/Xaneiro/2008 RiQee
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#13(esehome)Certo é o que dis, mais non é menos certo o que el di. Os da ACE son os ÚNICOS que non trocaron o seu discurso unha vez no poder.
E non será polo que lle deben estar ofrecendo a Abalo(ACE), se ata contrataron o "ex-vice" Barreiro para convencelo...
Abalo, que eu saiba, non está condicionado por intereses maiores que o que ten (BNG-PSOE na Xunta, e o PP de calique na de-pputa-ción)
Antes de deixar construir iso supoño que dimitirá (agardoo, por coherencia)

RiQee #15 17/Xaneiro/2008 RiQee
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Para facerte unha idea, comproba como redactan a nova esta no FARO DE VIGO (diario case que nada imparcial no asunto):
http://www.farodevigo.es/secci...

Gaviotero #16 17/Xaneiro/2008 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Siempre los mismos insultos...¡qué aburridos!...echo en falta a teixugo y su "ninhada de ratos"...zzzzzzzzzzzzzzzzzzz...zzzzzzzz...

Barcelos #17 17/Xaneiro/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

fffffff. Q cansino o Gaviotero...ninhada de ratos

ANGR #18 17/Xaneiro/2008 ANGR
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bo artigo. Ben falaba Barreiro Rivas cando dicía que no PPdeG hai negros que traballaban a reo p'ra facer o choio e gañar as batallas electorais e brancos, que levan o botín de guerra. El, e Cuíña, claro, eran dos negros. Rajoy, Núñez Feijóo etc. dos brancos.

Ah, Gaviotero, NINHADA DE RATOS! (para que non sintas baleiro;)

yugurtu #19 22/Xaneiro/2008 yugurtu
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"a podremia urbanística" de Cangas.
¿E a de Vigo?, porque o Bloque está a aplaudir coas orellas algo moito pero que o que se propuxo para Cangas.

¡A palla no ollo alleo!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colabora ademais no xornal Galicia Hoxe.

Outros artigos de Xabier Cordal en Vieiros:

Roubáronnos o sol (21/10/2005)
Mala conciencia (11/10/2005)
Columnas bárbaras (03/10/2005)
Cidade Vampiro (23/09/2005)
Gasolina (29/08/2005)
Parabéns (29/06/2005)
Política cuántica, II (25/06/2005)

Máis no vello Vieiros.





Locais:
GZ-Sete