Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Economía: lección 0

09:00 28/07/2008

Un destes días que pasou, recibiume meu pai coa nova de que o PIB baixara catro décimas.

E pareceume verlle un aceno de preocupación na faciana. A min estrañoume aquilo, xa que nin meu pai é moi dado ós sobresaltos nin en Cadrón tiveron nunca moito predicamento os decimais. Eu encollín os ombreiros e díxenlle que o asunto tiña a importancia que un lle quixera dar; e el, que xa me coñece ben, engadiu : “ou sexa, ningunha, queres dicir...”. Miña nai, que pasaba por alí, terzou na conversa : “Pero a facenda botámola igual, ¿ou?”. “¡Ai! iso si, claro”, contestoulle el.

Agás meritorias e sobranceiras excepcións, os economistas sempre se sentiron enfeitizados pola matemática. Xa en 1871 o marxinalista Jevons defendía o carácter matemático da economía e a razón que esgrimía para tal conclusión era “simplemente porque trata con cantidades”. 76 anos despois, en 1947, o americano Paul Samuelson publicaba os Fundamentos da Análise Económica, que mais semellaba un tratado de análise matemático que económico. E hai que subliñar que o noventa por cen dos economistas de medio mundo foron –e fomos- formados con manuais samuelsonianos.

A atracción dos economistas pola formulación matemática descansa na esperanza de que nalgures algún día alguén descubrirá algo semellante ás leis físicas newtonianas que expliquen o complexo e infinitamente variado universo económico. Na España do primeiro felipismo, don Miguel Boyer –que por certo, era físico amais de economista- representaba á perfección a simbiose imaxinada no seu día por Jevons, e coas gafas, a fronte despexada e o pelo lixeiramente alborotado, daba cuspidiña a fasquía do científico solitario a piques de facer unha descuberta transcendental. Debo recoñecer que era o espello no que nos mirabamos moitos que daquela estudabamos teoría económica e, por que non dicilo, eu de grande quería ser coma el.

Logo, pasou o que pasou e, sobre todo, pasou o tempo. E algúns decidimos pola nosa conta e risco desaprender o aprendido, e volver andar o excitante camiño do coñecemento. E chegamos á conclusión de que a matemática ten a mesma relación coa economía ca que pode ter coa medicina ou co dereito, por poñer un caso. Un médico tómalle a tensión a un doente e o resultado é un número; e un xuíz dita unha sentencia e impón un número de días de condena. Pero aínda que tanto o médico coma o xuíz tratan con cantidades, non por iso di ninguén que a medicina e mailo dereito sexan ciencias matemáticas.

Case trinta anos van aló do primeiro asalto socialista á Moncloa e un xa vai entrando en idade provecta. Confeso que aínda son moito de don Miguel Boyer, pero xa mais pola esperanza de casar algún día coa muller dun cantante famoso que por cuestións estritamente científicas.

4,16/5 (43 votos)


Comentarios (22)

condedelrio #1 28/Xullo/2008 condedelrio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Home, señor Sucasas, xa pensei que marchara para o Caribe. ¡Hai que escribir mais a miúdo e non ser tan nugallán! ¿Ou é que non lle pagan abondo?

edreira #2 28/Xullo/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Señor Sucasas esqueceuse da lección 1, se o PIB lle engade vostede a EPA, habemus unha boa chea de crise....
Ándeme vostede amodiño non vaia ser que se nos poña en camiño o señor R. Mateos para darlle un "que te pego leche"..... As mulleres dos cantantes polo xeral teñen a faldriqueira baleira o cal quere dicir que os economistas teñen o peto cheo, un bo xeito de facer a política económica do "cambio".
Nos tempos que estamos a vivir o mellor temos que tirar mais de John Maynard Keynes...
Non me soñe vostede con "chinesas", no Deza hai boas mulleres.....

Carl #3 28/Xullo/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"no Deza hai boas mulleres" e tanto...

Suqui, esta mañá o teu xefe político comentoume que cada día pareciaste máis a Paco Rodriguez. Tesme moi preocupado.

vonMises #4 28/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Señor Karl, o meu xefe político volveuse moi blando dende que cafetea con vostede, e así nos vai...Inda bo é que quedamos os duros, coma Paco Rodríguez e mais eu.
Señor Edreira, o señor Keynes foi un gran literato que me fixo perder moito tempo, pero se vostede pensa que devemos volver a el...
Señor Condedelrio, non se preocupe polo Caribe, eu son mais de sombra que de sol.
E en canto á beleza das mulleres do Deza, haberaas, non digo que non, pero eu sempre as fun buscar fóra.

condedecotobade #5 28/Xullo/2008 condedecotobade
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Encántanme estas conversacións privadas on-line :-)

martin32 #6 28/Xullo/2008 martin32
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

probe Keynes

edreira #7 29/Xullo/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A cousa vota fume señor Sucasas, temos unha "non crise" como di ZP.
Eu sempre pensei, e prégolle desculpas, que os economistas collían os números, facían unha gavela con eles e parían unha teoría. O malo é que a maioría deles non tiñan en conta as persoas e por iso case sempre os números saian bailando unha muiñeira.
O conto das mulleres é mellor deixalo polo de agora, non vai ser que rematemos esnaquizados.
Apertas.

condedelrio #8 29/Xullo/2008 condedelrio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Vaia se bota fume, edreira. E por riba os de Vieiros aínda lle botan mais leña ó lume: despois do artigo de Sucasas, ó que parece non caerlle moi ben Keynes, vai e poñen ó seu carón O KEYNESIANISMO VERDE. Estes de Vieiros gostan da regueifa.

carames #9 29/Xullo/2008 carames
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A ver, a micro e a macro de 1º de Empresas non servian para nada, agas para mercar o Samuelson, que tamén era o que estudaban os de dereito en 2º, coa salvedade de que eles tinhan que "chapalo". Ao catedrático Vence, inda era mestre cando eu comecei a carreira, non había Dios que o entendera e do seu exame prefiro non falar, só dicir que o aprobado baixou ao 3.5. A micro de 2º deuma un tolo que ao pouco morreu e o único que aprendin foi algo de Macro, pero a inflación e a curva de Phelps foi ao mas lonxe que chegamos, e iso que a Sesi non paraba de dar clase. E si, hainas bonitas no Deza, ou polo menos nas Cruces.

vonMises #10 29/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Caramés, a min pasoume outro tanto (agás que a min non me morreu ningún profesor). O pouco que poida saber de economía aprendino despois de rematar a carreira.
En canto ás mulleres, repito que pode habelas, non digo que non, pero non miro para elas.
Un saúdo.

Barcelos #11 29/Xullo/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Lin dúas veces o artigo porque non entendo onde quere chegar.

Ao final saquei unha conclusión. Sen querer faltarlle ao respecto, o seu pai entende máis de economía que Vd. ou dito doutra forma, ten máis sensibilidade económica.

Eu cando estudei Económicas o exemplar a seguir era Fontes Quintana, pero eu de maior nunca quixen ser como el. Nin inspector de Facenda, nin gordo, nin calvo, nin vello. (Son gordo e casi vello)

Por certo, non estou de acordo en que a Economía non ten nada que ver coas matemáticas.

¡¡Miúdo exemplo, Boyer!! ¡¡Que te pego leche!!

Barcelos #12 29/Xullo/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Desde logo máis que a Física.

Barcelos #13 29/Xullo/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

As matemáticas teñen que ver con todo: Coa economía, coa música, coa relixión (Deus é matemática pura e o infinito perfecto), coa física, coa medicina e por que non, tamén co Dereito. (Artigo 33, parágrafo 1)

vonMises #14 29/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Barcelos, que non se entere meu pai desto que dixeches, xa que el foi quen me pago a carreira e levaría un disgusto..Polo demais, que vostede e mais eu non concordemos neste tema é sinal de que pensamos de distinto xeito, só eso. ¡Pero pensamos! O grave sería que un dos dous, ou os dous, NON pensaramos.
Un saúdo, barcelos.

edreira #15 29/Xullo/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O Keynes verde é Shrek?.
Nunca entendín porque cando se facían estradas e autoestradas novas tiñan que facerse con costas, cando o custe de facelas ben, sen curvas, sen costas....co tempo supón aforrar moitísimo en combustíbeis....

Barcelos #16 29/Xullo/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O meu pai tamén me pagóu a miña e seguro que tamén ten máis sensibilidade económica que eu, sobre todo aos seus 87 anos.

Déchesche conta que eu teño unha sensibilidade matemática?, a pesar de que nos meus estudos tiven un profesor frouxo en sexto de bacharel, e teño unha lagoa xusto no curso de derivadas e integrais, tan utilizadas na Carreira de Económicas, polo que a Econometría e a Estatística Matemática resultáronme un pequeno óso.

De todos os xeitos unha cousa é a economía e outra a política. Unha, as estatísticas e outra ben distinta a utilización das mesmas polos políticos.

Así que se cadra para ser bo economista non fai falta ser bo matemático senón parasicólogo, como o teu pai e máis o meu, que se cheiran as crises, onde as hai.

Un saúdo

condedecotobade #17 30/Xullo/2008 condedecotobade
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

edreira, sen ser enxeñeiro nin nada semellante penso que se queres conectar cunha autoestrada un punto A que está a unha altitude de 400m e un punto B a unha altitude de 900 nalgún momento esa autoestrada ten que haber unha costa. E ás veces polo medio hai montañas, casas, parques... que convén rodear a base de curvas en lugar de pasarlles por riba. Vamos, digo eu.

edreira #18 30/Xullo/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Penso que vou mercar e amansar unha toupa para ir de A a B. Os veciños das casas polas que pase coa miña toupa que non teñan medo non vou metelos fociños na súa cociña ;-)

vonMises #19 30/Xullo/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Quieto parado, edreira. Axúdame a pillar unha que me desfai o xardín en Tremoedo, e aínda che pago o xantar con tal de desfacerme dela. Estamos en crise e non podemos gastar nin en toupas.

edreira #20 30/Xullo/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Suqui elixe:
- Toupa viva, mantida e keynesianismo verde (dedución no IBI).
- Toupa morta, multa do SEPRONA

perezgulin #21 1/Agosto/2008 perezgulin
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Excelente aproximación á problemática da economía. Traballo con temas de sustentabilidade e resulta que temos o mesmo problema xa que moita xente anda liada a conseguir indicadores matemáticos que lles faciliten a tarefa de non facer análises multivariable cada vez, vamos que aforre iso tan pasado de moda que é o de pensar.

Para fixar a miña cosmovisión e se poda entender o comentario dende o meu posicionamento direi que non teño un economista referente pero podo dicir que me gusta o que me transmitiu X.A. Olariaga e lamento non ter coñecido a Schumpeter.

Parabéns polo artigo.

vonMises #22 1/Agosto/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo con vostede, perezgulin. Schumpeter formouse na Escola Austríaca de Menger, Bawerk,..etc, e no seu paradigma acouga a miña razón, pero non así o meu corazón. Contradiccións de estar vivo e que hai que saber levar.
Un saúdo.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete