Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Crispación, tácticas FAES (I)

12:50 23/04/2007

Hai que recoñecer que desde os tempos dos tecnócratas franquistas de ministerio, desde Martínez el Facha, a dereita reaccionaria española viu mundo. O que pasa é que tampouco o mundo foi moi a mellor. Xa choveron Rambos desde que Augusto Assía, autor do libro La traición como arte (si, ese, o mozo galeguista que chamou despois ao nacionalismo de esquerdas “grupúsculos pseudorrevolucionarios”), almorzaba con recoñecidos intelectuais europeos e norteamericanos.

Foi Assía nomeado profeta. Fraga tardou en facer caso ao seu consello de transformarse na versión galaica do bávaro Strauss, e prediciulle maiorías absolutas a esportas, e tívoas, aínda que o pillou a senectude até tal punto que acabou estando simultaneamente á dereita e á esquerda de si mesmo. Mentres o admirador galego do pragmático anticomunista Churchill perdía as eleccións, canda litros de bágoas, citando Rosalía, Galicia, nai e señora, mentres o don Manuel pater patriarum asumía as consecuencias simbólicas do pacto para a Restauración, os cadelos do Partido que fundara seguiron o camiño inverso.

Esta vez o modelo non era a alternancia parlamentaria británica, senón o rostro vaqueiro da ofensiva conservadora (a demócrata, agora seica é ecoloxista, invadiu Vietnam e bombardeou Belgrado), que por aquelas andaba na difícil manobra de organizar un golpe de Estado contra o seu propio país, metáfora do mundo.

Antes desa deriva, a primeira versión gustara moito. Álvarez Cascos sentábase con Arzalluz e eloxiábao como “home de palabra”; aliáronse tamén coa burguesía catalana e semellaba consumarse a maioría natural baixo a fórmula de confederación de intereses. Daquela medraron as inmobiliarias, Zaplana converteuse nun simpático axente comercial, Acebes sorríalle ás señoras que votaran antes UCD e Mariano Raxoi contaba chistes canovistas no Parlamento de Madrid. Éravos un idilio.

Obtida a maioría absoluta, o substrato falanxista de José María Aznar emerxeu con calma. El chamáballe “chuvia fina” a un método dialéctico no sentido maoísta da palabra, un método de guerra. E por iso se rodeou tanto de franquistas irredutibles (Fungairiño, Cardenal) coma de comunistas arrepentidos. Falando con trazo un pouco groso, os primeiros seríanlle útiles para monopolizar o poder xudicial, no que polo demais tampouco houbera nunca “Transición democrática”; os segundos (Losantos, Juaristi, etc.) para se constituíren en gabinete de Ideoloxía e Comunicación. E nace a FAES, acrónimo casual de Falanxe Española conectado por liña de alta velocidade aos neocon. Un señor con bigote de Valladolid sae na tele falando texano. Algo terrible se aproxima.

4,3/5 (33 votos)


Comentarios (2)

xacataca #1 25/Abril/2007 xacataca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Falando de pactos. A presidenta da Comunidad de Madrid dixo hai pouco que os candidatos do PPdeG deberían pactar coa xente do Bloque que son "moderados".

Cando convén, como de amábeis e simpáticos nos poñemos! E Aguirre non é moi moderada que digamos, podería ser cheer-leader na FAES.

semprecelta #2 25/Abril/2007 semprecelta
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O que cumpría é un partido nacionalista conservador forte en Galiza e forte en Madrid, que arrastrase cartos para o país a base de pactos de gobernabilidade, como ben fixeron no seu día Jordi Pujol e Xabier Arzallus.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colabora ademais no xornal Galicia Hoxe.

Outros artigos de Xabier Cordal en Vieiros:

Roubáronnos o sol (21/10/2005)
Mala conciencia (11/10/2005)
Columnas bárbaras (03/10/2005)
Cidade Vampiro (23/09/2005)
Gasolina (29/08/2005)
Parabéns (29/06/2005)
Política cuántica, II (25/06/2005)

Máis no vello Vieiros.





Locais:
GZ-Sete