Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NA PEDRERA: STAËL 1914-1955

Pracer e Tormento, o fulgor da dúbida

De vez en cando chegan a Barcelona exposicións que animan ao repaso das vangardas europeas do pasado século, e á revisión da uniformidade das mesmas. Como ser un pintor abstracto e non selo? Como se pintan os ceos feridos?

Lito Caramés - 19:00 26/07/2007

A Fundació CaixaCatalunya-La Pedrera presenta a colección Staël 1914-1955, até o 24 de setembro, unhas 60 obras dun pintor pouco coñecido en España, Nicolás de Staël, que non acostuma a estar na nóminas das vangardas europeas, e de quen esta é a segunda exposición en España. A primeira foi no Reina Sofía de Madrid.

Staël naceu en San Petersburgo (1914) nunha familia aristocrática fiel ao Tsar. Foxen de Rusia, mórrenlle os pais e instálase en Bélxica. A Revolución Rusa, o exilio e a morte dos pais aínda sendo un cativo, condicionarán a súa curta vida.

Persoa moi inqueda, négase a vivir placidamente en Bélxica, e en 1935 fai unha viaxe por España. Con 19 anos percorre, en bicicleta, boa parte a xeografía peninsular. Xa daquela ten criterio artístico e pictórico propio. Admirador da arte medieval que atopa ao seu paso por Catalunya, escribe: “dou todo Miguel Anxo polo calvario do Museo de Vic”. Tamén fará un longo percorrido por Marrocos, e outro por Sicilia. Volve a España un ano antes de morrer, 1954. Desta vez queda prendido das pinceladas de Velázquez: “é tanta a xenialidade ... que nin a mostra”.

Tal vez estes comentarios poidan facer crer que estamos diante dun pintor academicista, amante da tradición pictórica europea e continuador da mesma. Pois non.

Para comezar, Staël é un artista constante, decidido, Traballa freneticamente nas indagacións que está a facer. A súa obra dátase case exclusivamente entre 1942 e 1955. Neses poucos anos deixou preto de dous mil óleos e outros tantos debuxos. Pero dubida. Dubida sempre. O que fai non o enche, o que sae no lenzo ou no papel non é o que busca... Contraditorio. Decidido e dubidoso. Velaí unha das súas características máis remarcadas, ou polo menos das máis destacadas polos críticos. Staël estivo sempre saltando da abstracción á figuración, e viceversa. Pero sempre a pintura, a procura. “Debo pintar, porque me axuda a vivir”. O ceo dun azul que fire ou escacha. Ceos rosas, brancos, vermellos, negros. Ceos, por tras dos que axexan as estrelas.

De Staël, os mesmos artistas coñecidos desconfiaban e mesmo o trataban de traidor pois, se agora enfila os vieiros da abstracción é dos nosos, pero logo despois xa anda a voltas coa tradición e mais cos que queren volver ás imaxes.

Debo pintar, porque me axuda a vivir”. A identificación da vida coa pintura. Ás loitas por atopar o xeito de pintar, de fuxir, ora das figuras, ora das propostas informalistas, acaba atopando unha solución: apostar pola cor. Neste sentido, acaba por chegar a unha vía parella á que escolleran Matisse e mais os fauvistas. A cor pola cor, a cor que pode parecer arbitraria e ilóxica.

Staël é máis expresionista ca cubista. Crea por pulos. Non segue, non quere seguir a lóxica do proceso, da pescuda. El mesmo chega a dicir que crea “de imprevisto en imprevisto”. A tortura da dúbida mesturada co pracer de deixarse levar, de ceibar pincel e espátula para imprimir a tea de bloques de cores, ladrillos de cores.

Pero ten éxito. A impresión do artista pechado en si mesmo, amargado e fracasado, non se corresponde coa realidade. As súas obras vendéronse moi ben. Hai quen afirma que os marchantes obrigábano a pintar moito máis do que el quería. Esta é unha gran diferencia respecto a outro pintor co que se trata de relacionar, Vincent Van Gogh. Nicolás estivera en Holanda, acaba instalándose na Provença francesa, é autodidacta, fai o que quere, dubida, desespérase, crea sen mirar para os lados, sen reparar nos que se afilian a unha vangarda, ou á outra. Pero ten éxito.

Na angustia, axúdanlle a poesía e a música. É amigo de poetas, e a lectura da poesía ilumina vieiros. A poesía tamén se pode ver nun partido de fútbol nocturno visto en París. Na serie Futbolistas as cores danzan en composicións polícromas e rítmicas, baixo ceos pretos.

Outro tanto acontece coa música. Unha das súas últimas obras Le Concert (1955) é unha peza inmensa (6x3 m.), onde o protagonismo reside nos instrumentos: piano, contrabaixo a medio facer, nas partituras. E por en riba de todo, domina o vermello que provoca a paixón nas vibracións da orquestra. O vermello do ceo excitado.

Nos últimso anos as obras buscan a simplicidade, as formas primarias. Neste sentido, hai pezas que lembran a Morandi –incluso con monocromía- e outras que o fan de Malevich. A destacar a serie de nus femininos nos que non pinta con modelo. De feito non hai corpo, é unha lembranza, unha pantasma que ilumina a tea.

Debo pintar, porque me axuda a vivir”. Nicolás de Staël: un pintor vitalista, torturado, apaixonado, coma Vincent van Gogh. Pero con éxito de vendas. Tamén coma el, un día, logo de pintar, de vivir, suicídase.

EXPOSICIÓN: STAËL 1914-1955
La Pedrera. P. Gràcia, 92 (Barcelona)

Até o 24 de setembro
Horario: todos os días, de 10 a 20 horas
Entrada de balde
Visitas comentadas de balde: de luns a venres, ás 18 h.


1.6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Le Concert, 1955
Le Concert, 1955
Montagne Sainte-Victoire (Paysage de la Sicile), 1954 (detalle)
Montagne Sainte-Victoire (Paysage de la Sicile), 1954 (detalle)
Nature morte aux bocaux, 1955 (detalle)
Nature morte aux bocaux, 1955 (detalle)
No taller da rúa Gauguet, 1949
No taller da rúa Gauguet, 1949